RESERVA MARIÑA

A reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira foi declarada o 29 de xaneiro de 2009 (Decreto 28/2009 de 29 de xaneiro) e comprende as augas interiores da ría, en cuxa boca está o límite exterior, marcado pola liña que une O Ensebadoiro coa punta de terra da Chirlateira.

Nesta reserva mariña existen tres zonas con diferentes graos de protección en función das súas características pesqueiras e ecolóxicas:

  1. Reserva integral de Esteiro: nela está prohibida calquera tipo de actividade extractiva e subacuática.
  2. Zona de especial protección de Vilarrube (ZEP I) na que as actividades extracticas e subacuáticas están máis restrinxidas que no resto da reserva incluída a prohibición do mergullo de lecer.
  3. Zona de especial protección da Boca da ría (ZEP II) na que están máis restrinxidas as actividades extractivas e subacuáticas que no resto da reserva.

A creación da reserva mariña de interese pesqueiro é unha ferramenta para a conservación da diversidade biolóxica e a recuperación do ecosistema mariño, para a xestión da pesca e a súa sostenibilidade. Tamén permite, indirectamente, achergar novas oportunidades socioeconómicas ós pescadores, ós mariscadores e ás comunidades costeiras a través do turismo, do lecer e da posta en valor da cultura mariñeira. 

A Ría de Cedeira é un espazo de gran singularidade paisaxística e alto valor ecolóxico. A crecente presión das actividades humanas no seu litoral poder chegar a comprometer o futuro dos seus ecosistemas mariños e da actividade pesqueira.

Ante esta realidade, a Confraría de Pescadores de Cedeira tomou a iniciativa e decidíu apostar por un cambio: os seus pescadores e mariscadores asumiron a súa responsabilidade na xestión e preservación dos recursos mariños da súa zona de traballo, e protagonizaron un proceso que, tras estudos ecolóxicos e pesqueiros, culminou coa declaración desta zona do litoral como reserva mariña de interese pesqueiro.

 

Pódese consultar a normativa do plan no seguinte enlace: https://www.pescadegalicia.gal/gl/reservas-marinas