MARISCANDO EN CEDEIRA

MARISCANDO EN CEDEIRA – Capítulo I

Aquí vos deixamos o primeiro capítulo do que será unha serie de vídeos mostrando o traballo d@s mariscador@s da Confraría.

Comezamos co capítulo I, centrado na recollida do berberecho.

Esta recollida ten lugar na enseada de Esteiro. Alí, o/as nosos/as profesionais comezan a traballar 2 horas e media antes da baixamar (o momento do día no que a marea está máis baixa) e continúan 2 horas e media máis (ata que a marea comeza a subir), facendo un total de 5 horas diarias. Nese tempo, os/as nosos/as protagonistas teñen que recoller un máximo de 15 quilos de berberecho por persoa, cunha talla de 28 mm como mínimo (os que sexan máis pequenos, deben deixalos enterrados outra vez na area para que sigan crecendo). 

Para recolectar esta especie de bivalvo usan un pequeno anciño (rastrillo) ou unha fouciña coa punta un tanto dobrada, e raspan a parte superficial da area, xa que o berberecho atópase moi preto da superficie. Este traballo fanno agochados coas pernas estiradas para non lesionarse os xeonllos. Aínda que desa forma tamén sofre o lumbago… por esa razón, a Confraría facilítalles uns cursos de fisioterapia para que aprendan as posturas máis convenientes e menos perxudiciais.

Como podemos ver no vídeo, as súas vestimentas son roupas de auga de manga longa para protexerse do sol en verán e do frío en inverno. 

As/os mariscadoras/es traballan todo o ano e marisquean dependendo exclusivamente das mareas. É dicir, aínda que chova, trone ou relampaguee… aínda que faga moitísimo calor ou moitísimo frío, eles/as traballan para traernos os mariscos da nosa ría.

Os berberechos que recollen métennos nun saco de red que, máis tarde, pasará polas mans do vixiante para comprobar que a medida é a correcta. Unha vez feito isto, un camión frigorífico leva a mercancía á lonxa de Cedeira. Alí pésanno e o meten na depuradora durante 12 horas antes da súa venta para eliminar patóxenos adversos e  garantizar o bo estado do produto. 

Este bivalvo pódenno recoller durante todo o ano, excepto o mes de maio por paro biolóxico (para que se reproduzan).

E así é como o berberecho chega as nosas mans! 

 

MARISCANDO EN CEDEIRA – Capítulo II

Xa temos o segundo capítulo da serie “Mariscando en Cedeira”.

Esta vez amosámosvos un traballo que forma parte das mariscadoras e da Asistenta Técnica da Confraría.

Trátase do “muestreo”, unha práctica que a nosa asistenta Paula, realiza con cada unha das especies que habitan na nosa ría.

E para que sirve? Concretamente, para saber cal é a cantidade estimada de cada especie que hai na ría. Desa forma, estuda se se pode coller unha especie en concreto, se hai que deixalo crecer, se se debe sembrar noutra zona, etc. 

O proceso é o seguinte: 

  • Marcan na area un espazo de 1 metro cadrado e, nese lugar, buscan o maior número de exemplares posible.
  • Eses lugares onde fan o muestreo  chámase “punto”. Ó longo da praia poden realizar uns dez puntos distintos.
  • Os exemplares que atopan, métennos nunha bolsa para medilos e, máis tarde, volvelos ó mar.

E así é como os profesionais do sector saben que tipo de marisco deben recoller en cada época do ano e realizar un calendario mensual de marisqueo.

 

MARISCANDO EN CEDEIRA – Capítulo III

Aquí vos deixamos o capítulo III desta serie que tanto furor está tendo.

Hoxe toca centrarnos na recollida da ameixa fina. Como se pode apreciar no vídeo, esta especie atópase debaixo das rochas ou en zonas de areal relativamente profundas e a súa presenza é moi escasa.

Por esa razón, os nosos profesionais só poden coller 4 kg/persoa de 40 mm como mínimo na enseada de Esteiro (Vilarrube) ou de Pantín pero, por desgracia e por culpa do furtivismo, nin iso foi posible. Cando chegaron a traballar, veron que a area estaba xa toda levantada e revolta, signo de que alguén estivo facendo o que non debía…

Polo tanto, propóñovos un xogo: imaxinade que traballades nun lugar que vos pagan por obxetivo; pero cando chegas ó teu posto de traballo, daste de conta de que o teu obxetivo non o vas poder levar a cabo porque previamente, alguén o fixo por ti de forma ilegal, o que significa que non vas cobrar todo o que mereces pero ninguén te libra de traballar a túa xornada completa… pareceríavos xusto? Pois iso é o que sofren as mariscadoras e mariscadores todos os días.

Esta especie recóllese durante todo o ano deixando o mes de maio para a súa reproducción (paro biolóxico).

Para recoller a ameixa, precisan dun sacho con forma triangular e “sachar” a area con moita delicadeza, xa que esta especie de bivalvo se caracteriza por ter una cáscara moi fina que pode romper con moita facilidade se non controlas as ferramentas. 

Unha vez que pasan as cinco horas de traballo requerido (sempre dependendo da marea), os mariscadores e mariscadoras pasan pola caseta de vixiancia para comprobar cantos quilos levan cada un (canto menos leven, menos cobran, de aí que para eles sexa tan perjudicial o furtivismo) e se a ameixa que recolleron ten a medida mínima requerida. 

 

MARISCANDO EN CEDEIRA – Capítulo IV

E por fin temos o derradeiro capítulo da serie “Mariscando en Cedeira”.

Esta vez, as nosas mariscadoras móstrannos como se recollen as ostras rizadas (ou “ostrón”) na praia da Madalena (Cedeira).  

Como se pode ver no vídeo, as ostras atópanse pegadas nas rochas ou no propio muro da carreteira e hai que ter moito ollo para non confundilas con rochas, e máis cando van de noite a mariscar… Á hora de sacalas das rochas, hai que ser moi coidadoso porque rompen con facilidade.