PESCA RECREATIVA

Pesca marítima de recreo e o mergullo de lecer

Segundo a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008 , do 3 de decembro , de pesca de Galicia, defínese a pesca marítima de recreo como aquela que se practica por entretemento, deporte ou afección, sen ánimo de lucro, en perfecta harmonía e respecto có exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola profesional. Na antedita lei, establécense as seguintes modalidades de pesca recreativa:

a) pesca desde embarcación da sétima lista;
b) pesca desde terra en superficie;
c) pesca submariña: prohibida en toda a Remip “Ría de Cedeira”;
d) pesca desde embarcación da sexta lista, incluídas as distintas modalidades de pesca de alugamento.

Non se poderá realizar ningunha destas modalidades de pesca a menos de 250 metros das artes de pesca e das embarcacións adicadas a calquera clase de pesca profesional, nas zonas portuarias nin nas canles de navegación, a menos de 250 metros das praias cando estean frecuentadas por bañistas, así como nas zonas de litoral prohibidas mediante orde da Consellería do Mar.

O período autorizado abrangue todos os días do ano.

O horario será diúrno, comprendido entre o orto e o ocaso no caso da pesca desde embarcación.

As artes e útiles a utilizar por licenza serán as descritas a continuación: dúas canas ou sedais cun máximo de 6 anzois, dúas poteiras, dúas garabetas e un gancho, podendo utilizar como arte auxiliar un trueiro.

Esta licenza só habilita para a captura de cefalópodos e peixes, agás a anguía, quedando prohibido a pesca de salmóns e reos nas rías e augas interiores da comunidade autónoma de Galicia.

Poderanse capturar un máximo de cinco quilos por licenza e día, podendo non computarse o peso dunha soa peza que exceda do tope establecido, cun tope por embarcación e día de 16 Kg se son máis de tres as persoas embarcadas titulares de licenza. No caso do polbo, o límite será dúas pezas por pescador e día.

Para utilizar como cebo, poderase capturar diariamente por licenza , ata un total de 50 poliquetos, 40 cangrexos (Pachygrapsus marmoratus e Carcinus maenas), 200 g de pulgas de mar e 100 g de camaróns e quisquillas (quedando prohibida a captura do camarón común (Palaemon serratus)).

Segundo a Orde do 17 de Setembro de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 211/1999 do 17 de Xuño de 1999 polo que se regula a pesca marítima de recreo; existen unha serie de prohibicións que todos os propietarios dunha licenza de pesca marítima de recreo deben coñecer e respectar:

-A utilización de artes , aparellos e útiles distintos dos permitidos.

– A utilización de substancias tóxicas, narcóticas, velenosas… que contaminen o medio mariño.
– O emprego de luces e equipos eléctricos que sirvan de atracción para a pesca.
-A captura, a tenza e o desembarco de especies prohibidas, vedadas ou de tamaño ou peso inferior ó regulamentario , que deberán ser devoltas decontado ao mar.

-A pesca, almacenamento, transporte, transbordo ou descarga dunha cantidade superior ós topes máximos de capturas sinalados anteriormente, inda que correspondan a varios días continuos de navegación

Obstaculizar ou interferir as faenas de pesca marítima profesional, marisqueira ou acuícola.

No ámbito da reserva, a pesca marítima de recreo levarase a cabo respectando todas as normas e prohibicións establecidas para o resto da Comunidade Autónoma de Galicia, coas seguintes excepcións:

a) Queda prohibida a realización desta práctica tanto na reserva integral de Esteiro como nas ZEP I, ZEP II e na Zanqueira; permitíndose unicamente na Zanqueira a pesca con cana desde terra en superficie.

b) Queda prohibida a práctica de pesca submariña na totalidade do ámbito da reserva.

c) Queda prohibida a práctica de pesca con cana utilizando engado (macizado) como cebo na totalidade do ámbito da reserva.

d) Queda prohibida a pesca marítima desde embarcación desde o límite norte da ZEP I ata a liña de preamar máxima viva equinoccial da praia de Vilarrube, incluíndo as Enseadas de Esteiro e Pantín.

e) Queda prohibida a pesca con cana durante todos os días do ano no período comprendido entre dúas horas antes e dúas horas despois da baixamar tanto diúrna como nocturna, desde o límite sur da ZEP I, ata o límite da zona da reserva integral de esteiro e en toda a Enseada de Pantín.

Permítese a recolección de poliquetos, cangrexos, camaróns, quisquillas e pulgas de mar para a súa utilización como cebo vivo nas áreas delimitadas a continuación:

– Na praia da Magdalena de Cedeira : da “Ponte Vella” cara ao nacemento do río Condomiñas e da “praia da Fábrica” ata a antiga cetárea.

– Na Enseada de Esteiro : desde a liña que une punta Campelo con Landeira e cara ao nacemento do río das Mestas.

-Na Enseada de Pantín: desde o “Cemiterio dos Barcos” cara ao nacemento do río das Ferrerías.

Permítese o mergullo de lecer (previa comunicación á Confraría de pescadores de Cedeira ou a Coordinación da reserva) en todo o ámbito da mesma agás na Zanqueira e en toda a superficie que abrangue dende o límite norte da ZEP I ata a liña de preamar máxima escorada da praia de Vilarrube, incluíndo as enseadas de
Pantín e de Esteiro.